San Andrés

Discorre entre a Estreita de San Andrés, antes chamada Angosta, e a praza de Pontevedra.

No seu día foi a rúa máis longa da Coruña, e a finais do século XVIII tivo o primeiro paseo arborizado da cidade.

Nesta rúa estaban o antigo Hospital e a Capela do Gremio de Mareantes baixo a advocación de Santo André. O gremio era o máis antigo e numeroso da Pescaría, e ocupaba unhas seiscentas casas que foron arrasadas no asedio do pirata Francis Drake en 1589, xunto á capela e ao hospital, cuxo pórtico se traslada ao edificio do Arquivo do Reino de Galicia pola parte da fortaleza do Parrote.

A finais do século XIX o banqueiro Eusebio da Guarda solicita sufragar a reconstrución da igrexa no antigo soar, por cuxa propiedade entra en disputa co cada vez máis debilitado Gremio de Mareantes, que perde definitivamente o dereito a reclamar en 1885, en virtude da lei que daba por extinguidos os gremios. No altar maior da igrexa están enterrados Eusebio da Guarda e a súa muller, Modesta Goicouría. En 1938 pasou a ser igrexa castrense.

Nos séculos XIX e XX foi a máis importante vía comercial da cidade, en especial do sector téxtil,  e a principal rúa de comunicación interior pola que circulaban carros, coches e tranvías.

Conta con dúas fontes. Unha delas é a fonte de San Andrés ou da Fama, que substitúe á fonte do Sol, a principal da cidade polo caudal de auga. A fonte da Fama trasladouse dende a rúa do mesmo nome e adxacente a Rego de Auga, en 1882. Quedou regulado o seu uso para tropa, cárcere e hospital militar, servizo, augadeiras e poboación xeral. Na praza de Santa Catalina está a fonte de Neptuno, de 1791.

Na rúa abondan edificios de galerías e casas de estilo modernista, e na esquina das rúas San Andrés e Hortas está o edificio racionalista Formoso, o primeiro da nova arquitectura da modernidade en A Coruña, deseñado por Pedro Mariño e Santiago Rey Pedreira en 1930.

Na actualidade resiste unha das institucións culturais máis antigas da cidade, o Circo de Artesanos, fundado en 1847 como Real Unión Recreativa e Instructiva Circo de Artesanos e situado en San Andrés en 1895, polo que pasaron persoeiros como Emilia Pardo Bazán, Manuel Murgía, Ortega y Gasset, Sofía Casanova, Ramón Otero Pedrayo ou Miguel de Unamuno, entre moitos outros.