Álvaro Cebreiro

1903, A Coruña – 1956, A Coruña

Álvaro Cebreiro é un dos máis grandes debuxantes humoristas que ten dado Galicia na primeira metade do século XX, xunto a Castelao e Carlos Maside.

Debuxante precoz, aos catorce anos participou na Exposición Rexional de Ferrol, aos dezaseis comeza a publicar caricaturas en A Nosa Terra, e en 1920 fai a súa primeira mostra individual no local das Irmandades da Fala.

Con Manuel Antonio, é autor do manifesto estético Máis alá!, publicado en 1922, no que defendían unha lingua, literatura e arte galegas que puidesen adaptarse ás novidades do porvir.

Participa en numerosas publicacións, como a a editorial Céltiga, ou revistas como Mondariz, Alborada, Ronsel e Vida Gallega, na que destacan as súas tapas coloreadas, ou Alfar, na que colaboraron, entre outros, Juan Gris, Picasso, Alberto Sánchez, Max Aub ou André Bretón. 

Despois da guerra detén a súa actividade e non comeza a publicar de novo ata 1950 en El Ideal Gallego, no que os seus debuxos deixan testemuña dos costumes da súa época.

En 1953 é admitido na Real Academia de Belas Artes da Coruña e colabora de novo en revistas como Atlántida, con Urbano Lugrís, e Galicia Emigrante, dirixida e editada por Luis Seoane en Bos Aires, ata que falece precozmente aos cincuenta e tres anos.