Cantón Grande
 / Cantón Pequeno

O Cantón Grande comeza na confluencia da Rúa Real con Rúa Nova ata a Rúa Santa Catalina, dando paso ao Cantón Pequeno, que continúa a ata a Praza de Mina. Son algunhas das vías principais do centro da cidade, cunha soa liña de edificios fronte a unha área que lle foi gañando superficie ao mar progresivamente. Ata mediados do século XIX, a auga chegaba ata a zona onde está o Obelisco. 

Tense documentada esta nomenclatura no século XVI, mais no século XVIII o Cantón Grande era coñecido como Cantón da Leña e o Cantón Pequeno era coñecido como Cantón da Sardiña, por ser a zona de descarga deste peixe. Ante o prexuízo que a preparación e venda deste produto supoñía para a veciñanza, esta actividade foi desprazada e habilitada nunha nova localización chamada Praza Nova.

Despois do recheo dos terreos do porto, os Cantóns foron mudando a súa configuración para dar cabida a novas actividades, entre elas o turismo, para o que se desenvolve unha notable infraestrutura entre finais do século XIX e a segunda década do XX. Constrúense os hoteis Ferrocarrilana, na esquina de rúa Real e rúa Nova, e entre a rúa Real e a Avenida da Mariña, e o Hotel Palace, demolido en 1969. Converteuse desde entón nunha zona de lecer, de paso aos numerosos cines, cafés e centros de reunión da cidade.

En 1925 constrúese no Cantón Pequeno o edificio do Banco Pastor, proxectado por Antonio Tenreiro e Peregrín Estellés, e que ata 1929 foi o máis alto de España. Nel tiña un local o pintor e gravador Luis Huici, colaborador da revista Alfar e xastre de profesión, que foi asasinado a golpes os primeiros días do levantamento de 1936. Huici foi un importante mecenas dos artistas da época, que convivían en parladoiros no seu local do Cantón Pequeno. Antes da súa morte, proxectaba a que houbese sido a primeira mostra de Picasso adulto na cidade.

Estas vías contan con algúns dos edificios máis emblemáticos de A Coruña, como o Cine Avenida, no solar do antigo Teatro Principal no número 7 do Cantón Grande, un edificio racionalista de Rafael González Villar construído en 1941 e tapado dende hai décadas por unha lona, xusto ao lado da sede de Afundación, de Nicholas Grimshaw, de 2006.

No Cantón Grande está tamén o Obelisco, un dos monumentos máis recoñecibles da cidade. Trátase dunha columna que pretendía emular á que en 1893 se trasladou de Exipto á praza da Concordia en París. Foi proxectado por Gabriel Vitini Alonso e Antonio de Mesa, e inaugurado en 1895 en homenaxe ao político Aureliano Fernández Rivas. Tras a construción do edificio do  Banco Hispano Americano en 1951 o Obelisco modifícase para superalo en altura.

Próxima ao Obelisco, estaba situada a casa na que faleceu o xeneral John Moore, ferido na Batalla de Elviña contra as tropas napoleónicas en 1809.

No mapa evolutivo da cidade o plano dos Cantóns mostra como esta é unha das zonas que máis mudou a súa topografía co ensanchar da baía.