Galera

Vai da rúa da Barreira a Álvaro Cebreiro.

O nome desta rúa débese a que nela existiu un establecemento penitenciario para mulleres, a Casa Galera, ata que a finais do século XIX as presas foron trasladadas ao Cárcere da Audiencia no Parrote. Na Casa da Galera fundou Concepción Arenal a sociedade La Magdalena xunto con Juana de Vega. Tiñan como obxectivo mellorar as condicións de vida das presas. 

Concepción Arenal fora nomeada visitadora de cárceres en 1864, sendo testemuña dos abusos e condicións nas que vivían os presos. 

En 1865 publica Cartas a los delincuentes, nas que sinala que é necesaria a educación para a rehabilitación e integración dos presos na sociedade, e pon o foco na urxencia de realizar unha reforma penitenciaria cara unha dignificación da vida en prisión. Foi cesada inmediatamente do seu cargo, pero seguiu traballando en favor da xustiza social.

Despois da Revolución de 1968 Concepción Arenal é nomeada inspectora de casas de corrección de mulleres, e volve activar a petición dunha necesaria reforma das prisións, un tema do que se ocupa ata os últimos anos da súa vida, nos que escribe El visitador del preso como guía para que o traballo nos cárceres estivese orientado cara á reinserción.