Durán Loriga


Une a rúa Santa Catalina con Juana de Vega.

En 1917 acordouse darlle o nome de Durán Loriga a unha nova rúa do Ensanche que sería prolongación da rúa Fonseca. 

En 1927 o Concello de A Coruña realiza o proxecto de apertura da rúa cun expediente redactado polos arquitectos Pedro Mariño, Antonio Tenreiro e Pelegrín Estellés, convertendo en solares edificables as hortas posteriores dos edificios de vivendas. Tenreiro e Estellés foran os arquitectos do edificio do Banco Pastor do Cantón Pequeno, cuxa parte posterior ocupa precisamente o principio de Durán Loriga. O proxecto inicial contemplaba a colocación dun teito de cristal.

Juan Jacobo Durán Loriga  (1854, A Coruña – 1911, A Coruña) foi matemático e militar.

Como militar ingresou no corpo de Artillería e participou na Terceira Guerra Carlista logrando ascender a capitán, pero destinado na Coruña, abandonou o exército para dedicarse á docencia e investigación en matemáticas.

Obtivo importantes achados en balística e xeometría, en especial en xeometría do triángulo, e mantivo contacto con destacados matemáticos da súa época.

Foi académico da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturales, socio fundador da Sociedad Matemática Española, membro da Société Mathématique de France, e profesor honorario do Real Instituto de Lisboa e da Universidade de Tempio, en Italia.

Nunha conferencia organizada pola Academia de Belas Artes da Coruña en 1904, puxo en valor o traballo de moitas mulleres matemáticas citando os seus logros e reivindicando para elas un lugar na historia da ciencia.

Como bo divulgador, Durán Loriga reclamou un plan xeral de ensino para as matemáticas capaz de estimular o seu estudo.