1929, A Coruña – 1990, A Coruña
Libreiro e editor, Fernando Iglesias Quintela comezou no negocio traballando nunha libraría da rúa San Andrés, ata que en 1958 abre a libraría Cervantes na praza de María Pita. En 1963 abre un novo establecemento no Cantón Grande, Arenas, xusto ao lado do Cine Avenida, que anos máis tarde traslada ao Cantón Pequeno.
Fernando Arenas non foi só un libreiro. Foi un gran difusor da literatura, que promoveu a actividade cultural da cidade coa organización de conferencias, a presentación e firma de libros e outras actividades que animaban o debate e a difusión das letras.
Como editor, en 1963 comeza a publicar os cómics de Astérix e Obélix en galego, ao que seguen numerosos títulos de novela, ensaio e poesía. No labor continúan a día de hoxe os seus descendentes.
Fernando Arenas foi o promotor da primeira Feira do Libro de A Coruña, e presidente do Gremio de Libreros de España. Entre 1967 e 1974 formou parte da corporación local, chegando a ser concelleiro de Cultura
Falece na Coruña en 1990. No ano 2000 os seus descendentes instauraron no negocio familiar o premio literario Fernando Arenas, e no 2001 o Concello acorda que a Travesía de Santa Catalina pasase a levar o seu nome en homenaxe.