A Coruña, 1880 – A Coruña, 1970
Profesora, pedagoga e escritora, é unha das figuras chave na renovación do sistema educativo en Galicia e traballou para a evolución social e cultural das mulleres e dos nenos e nenas.
Como pedagoga, implantou por primeira vez en Galicia o método Montessori, que ten por obxectivo o desenvolvemento integral das capacidades intelectuais, físicas e espirituais do alumnado. Importou de Italia material didáctico innovador que utilizou na escola da Guarda, onde exerceu ata 1936.
Pensionada pola Junta de Ampliación de Estudios, en 1935 viaxa por Europa para coñecer os centros cos máis modernos métodos de ensino de Italia, Suíza, Alemaña, Países Baixos, Bélxica e Francia. Promoveu a substitución dos sistemas memorísticos por outros baseados na observación directa e a experiencia, a coeducación de ambos xéneros, e o fomento do estudo da lingua galega, para o que propoñía dedicar un día á semana á conversa, escritura, e lectura dos poetas e prosistas máis destacados.
Fundou institucións como El niño descalzo ou El comedor y ropero da Guarda, e participou na dirección de outras como Colonias Escolares para Niños Pretuberculosos, Cantinas Escolares Concepción Arenal e Junta de Protección a la Infancia. Tamén foi presidenta da Asociación Concepción Arenal para la Protección y Rehabilitación del Preso e membro do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e a Real Academia Galega. Durante a súa vida obtivo varios premios literarios e numerosas condecoracións.
En 1936 foi expedientada e depurada no seu oficio como educadora mais nunca abandonou a investigación, e continuou traballando na escritura e a tradución ata o seu falecemento en 1970.