Antes da edificación desta praza coa súa configuración actual, tratábase dun espazo despexado tras a demolición das murallas que separaban a Cidade Alta da “Pescadería”, e coñecíase esta zona como “Campo del Derribo”. En 1859 comezaron as expropiacións e elaborouse o primeiro proxecto do seu trazado, pasando a denominarse Praza de Alesón en referencia ao militar Atanasio Alesón y Cobos, quen fora capitán xeral de Galicia. Ese mesmo ano saíron a poxa os solares nos que posteriormente se comezarían a construír os edificios de vivendas actuais. Na segunda metade do século XIX, era un dos lugares onde se instalaban os circos e os feirantes ambulantes que chegaban á Coruña cos seus espectáculos de tempada.
En 1918 comeza a funcionar a nova sede do Concello no Pazo Municipal, proxectado polo arquitecto Pedro Mariño en estilo ecléctico, e cuxas obras comezaran en 1905. En 1927, os reis Alfonso XIII e Victoria Eugenia fan unha inauguración oficial.
Será no ano 1876 cando se aprobe o nome de Praza de María Pita, en consideración de que a chamada praza do Derribo comprendía o lugar que ocuparan as fortificacións nas que tivera lugar a defensa desta heroína fronte ao asedio do corsario inglés da mariña británica Sir Francis Drake en 1589 . Mayor Fernández de la Cámara y Pita deu morte ao alférez do exército inglés que Isabel I de Inglaterra enviara para atacar aos navíos españois que regresaran despois do fracaso da Armada Invencible. Tal fazaña provocaría a retirada dos ingleses e a consideración de María Pita como unha figura de lenda.
As testemuñas dos mordomos do Gremio de Mareantes á Real Audiencia dan conta do importante papel que mulleres e nenos fixeron na defensa da cidade, transportando material e víveres ás murallas mais tamén enfrontándose directamente ao inimigo.