Rego de Auga

O Rego de Auga comeza na Praza de María Pita e remata na Rúa Real, na confluencia coas rúas Agar e Bailén. A súa nomenclatura deriva da orixinal, “Rego d’Augoa”, que indicaba a existencia dun suco lonxitudinal que recollía as vertentes das rúas contiguas. No século XVIII xa aparece castelanizada de maneira incorrecta como “Riego de agua”, substituíndose o significado orixinal polo substantivo que indica a acción de regar, ata que no ano 2007 o Concello restableceu o seu nome orixinal. Tivo períodos con outras denominacións, como “Luchana”, en homenaxe á batalla que en 1836 o xeneral isabelino Baldomero Espartero gañou na primeira guerra carlista. En 1926 pasou a chamarse “Manuel Casás” en homenaxe ao entón alcalde, ata que en 1931 volve denominarse “Riego de agua”.

A antiga vía anchéase tras as obras iniciadas na segunda metade do século XIX para o recheo na zona do que hoxe é a Avenida da Mariña. Nunha das antigas casas derrubadas da liña impar da rúa, no soar que hoxe ocupa o número 3, naceu o 16 de setembro de 1851 a escritora Emilia Pardo Bazán.

Na área próxima á Rúa da Fama había unha praza coa fonte do mesmo nome, que en 1882 foi trasladada á Rúa de San Andrés.

Na súa unión coa Rúa Real estaba, ata finais do século XVIII, a antiga igrexa parroquial de San Xurxo co seu cemiterio. A continuación estaba a Praza da Verdura, na área do actual Teatro Rosalía de Castro, que en decembro de 2020 conmemorou os cento oitenta anos da súa creación. No momento da súa inauguración denominábase Teatro Nuevo, máis era coñecido como Coliseo de San Jorge. Máis tarde pasou a chamarse Teatro Principal, ata que en 1909 recibe o nome actual. Foi concibido como un teatro de beneficencia e, pola súa traxectoria, constitúe un centro importante de desenvolvemento da dramaturxia galega.

En 1916 nacen as Irmandades da Fala no antigo local da Real Academia Galega, unha organización que tiña como obxectivo a posta en valor e o fomento da lingua e cultura galegas e en abril de 1934, abre no baixo do número 32 a Asociación de Artistas de A Coruña a iniciativa do pintor Seijo Rubio, cunha exposición colectiva de mulleres, entre as que sobresae Lolita Díaz Baliño.

É unha rúa peonil dende 1998.