Real

A Rúa Real comeza nas rúas Rego de Auga e Bailén, e remata na Rúa Nova.

É unha das rúas máis antigas da cidade, a vía principal que conducía ao máis importante núcleo de poboación na Cidade Alta, hoxe Cidade Vella. O seu trazado actual data de 1791, e a súa pavimentación con lousas graníticas de 1948, foi realizada baixo a supervisión do arquitecto Santiago Rey Pedreira.

Ás beiras do seu percorrido atopáronse enterramentos da época romana, segundo o costume de situalos ao longo das vías principais a partir da prohibición de facelo intramuros das cidades.

O seu nome deu lugar ao equívoco de que respondía a unha homenaxe á monarquía, e foi substituído despois do pronunciamento de Rafael del Riego en 1920 polo do comandante xeral Félix Álvarez de Acevedo, quen secundara o movemento en Galicia e caera a man dos absolutistas. O nome orixinal restableceuse cando caeu o réxime constitucional en 1824. Ao proclamarse a I República en 1931, foi bautizada co nome do Capitán Galán, quen se sublevara en Jaca contra o rei Alfonso III. En 1936 a rúa volve á súa nomenclatura orixinal.

En febreiro de 1885, Picasso fai a súa primeira exposición na tenda de mobles de Joaquín Latorre, no número 20. Ten trece anos de idade.

Este mesmo edificio tamén foi berce da revista Alfar, fundada nos anos vinte polo cónsul uruguaio Julio José Casal, nun momento no que a cidade estaba activada polo tráfico marítimo da emigración e conta con representación consular de moitos países americanos. A revista estaba dedicada á literatura e ás artes plásticas, e supuxo unha vía de entrada das vangardas á península ibérica. Contou con importantes colaboradores, como os escritores da xeración do 27, André Breton, Paul Éluard, Juan Gris, Max Aub, Pablo Picasso, Salvador Dalí, Álvaro Cebreiro, Maruja Mallo ou Robert e Sonia Delaunay, entre outros.

A partir de 1897 instálanse nesta rúa as primeiras salas consideradas prototipos dos cines. O fotógrafo e cineasta José Sellier, quen é autor do primeiro filme rodado en Galicia, Entierro del General Sánchez Bregua, instala un cinematógrafo para facer exhibicións no baixo do número 8, o mesmo local onde se inauguraría o cine París en 1908. 

Foi unha das rúas comerciais máis importantes da cidade. Entre finais do século XVIII e principios do XIX, instaláronse nela os comerciantes coas Indias, e aínda que lonxe do esplendor daqueles tempos, a día de hoxe é unha das zonas máis sinaladas do comercio local.