Juana de Vega

Une a Praza de Pontevedra coa Praza de Mina.

O seu trazado e anchura actual corresponden ao baleiro que deixan os restos da muralla que supoñía o límite da cidade e pechaba o barrio de Pescaría.

A muralla unía o Orzán no Caramanchón, o que hoxe se coñece como a Coraza, e o baluarte de Malvecín na baía, na zona onde hoxe está a Delegación do Goberno. Contaba con dúas portas, a Porta da Torre de Arriba, onde hoxe está a praza de Pontevedra, e a Porta da Torre de Abaixo, hoxe Sánchez Bregua. Foi derrubada no século XIX e deu lugar ao comezo da construción do Ensanche.

A rúa foi coñecida como Paseo da Alameda, e durante algún tempo Paseo del Marqués de la Reunión, mais a plantación de álamos foi eliminada co ensanche da vía, e a partir de 1876 pasou a chamarse Juana de Vega.

Juana de Vega (1805, A Coruña – 1872, A Coruña). Filla dunha familia acomodada, medra nun ambiente liberal e recibe una educación completa en humanidades.

En 1921 casa co xeneral Francisco Espoz y Mina, que fora guerrilleiro na loita contra as tropas de Napoleón e formou  parte do bando liberal contra Fernando VII. Enviuva en 1836 e obtén o título de Condesa de Espoz y Mina.

Dedícase  xestionar o seu patrimonio familiar, destinando unha parte importante dos seus ingresos a obras de beneficencia. Durante a rexencia de Espartero foi preceptora de Isabel II, mais en 1843 foi cesada polas súas ideas aperturistas. 

Na súa casa da Rúa Real celebra reunións da sociedade progresista da cidade, onde eran habituais os oficiais que se levantaron en 1846 contra o xeneral Ramón María Narváez. 

Foi importantísimo o seu labor asistencial. Funda a Asociación de Señoras de Beneficencia de La Coruña, e con Concepción Arenal o Patronato de Señoras para la visita y enseñanza de los presos. Promove a construción do Hospital Psiquiátrico de Conxo e unha delegación da Cruz Vermella na Coruña. 

Cando falece, a súa herdanza vai destinada á creación dun centro de formación para agricultores na casa familiar A Carballeira en San Pedro de Nós, onde hoxe en día está a Fundación Juana de Vega.